Volver


21/11/2016

ERIMSA OBTÉN EN BRUSELAS UN RECOÑECEMENTO Á EXCELENCIA DAS SÚAS PRÁCTICAS MEDIOAMBIENTAIS NOS PREMIOS EUROPEOS DE DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE

Un xurado internacional composto por profesionais independentes, entre os que se atopaba o director europeo de SEO Birdlife, Angelo Caserta, valorou 41 proxectos mineiros de compañías nos galardóns convocados pola UEPG (Unión Europea de Produtores de Áridos)

ERIMSA obtivo en Bruselas un certificado á excelencia das súas prácticas medioambientais polo proxecto de recuperación levado a cabo nunha zona de lagoas de alto valor ecolóxico en Galicia, onde conta cunha concesión para extraer cuarzo. A compañía quedou finalista nos Premios Europeos de Desenvolvemento Sustentable convocados pola Unión Europea de Produtores de Áridos, aos que se presentaron 41 proxectos internacionais.

Estes premios teñen por obxectivo demostrar á sociedade que a industria europea de áridos é compatible cos principios do desenvolvemento sustentable e está comprometida coa contorna no que opera. Un xurado internacional independente, composto por profesionais de Austria, Finlandia, Francia, Lituania e Italia, entre os que se atopaba o director de SEO Birdlife Europa, Angelo Caserta, encargouse de valorar as propostas.

O Director Técnico de ERIMSA, José Antonio Valencia González, desprazouse a Bruselas para recoller o premio en presenza do presidente da UEPG, Jesús Ortiz.

ERIMSA xa recibira o 1º Premio de Medio Ambiente FDA (Federación de Áridos) na categoría boas prácticas ambientais en 2015 por este proxecto, desenvolvido na concesión de explotación "Villalba I", no Concello de Begonte. A zona estaba declarada inicialmente como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e recentemente incrementouse a súa protección á máis elevada en Rede Natura: Zona de Especial Conservación, baixo a denominación ZEC Ladra-Támoga-Parga. Isto debeuse á actividade de extracción de cuarzo desenvolvida pola compañía, que permitiu a creación dunha nova contorna lagunar e a formación de novas zonas de bosque de ribeira.

A sustentabilidade da actividade de ERIMSA nesta concesión e noutras de similares características baséase nun modelo dual de actuación. A explotación planifícase pensando no futuro. Para lograr a recuperación e creación de máis humidais, nas áreas de maior potencia déixanse zonas de illa para o anidamiento de aves e perímetros que faciliten a integración paisaxística e o asentamento de especies arbóreas. Unha vez extraído o cuarzo no resto do terreo, este conta con importantes propiedades para o aproveitamento gandeiro debido á formación de grandes pasteiros con alto valor produtivo.

ERIMSA, con 4 centros de produción en Galicia e Salamanca, dispón de máis de 30 anos de experiencia na extracción de cuarzo, áridos e areas aplicando unha metodoloxía de traballo respectuosa co medio ambiente e totalmente compatible coa actividade agrícola, gandeira e forestal. Prioriza o investimento en I+D+i, a eficacia na xestión dos recursos naturais, a innovación, o impulso a outros sectores produtivos tradicionais e aplica unha rigorosa política de accidentes 0.